Derogación da ordenanza de terrazas para a exención de taxas e a ampliación da súa superficie

A Corporación municipal aprobou, por unanimidade, a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.

Trátase da aprobación provisional da derrogación, polo que dito acordo terá que estar en exposición pública durante 30 días unha vez aprobada a suspensión de prazos motivado polo estado de alarma. Durante este período todas aquelas persoas que o consideren oportuno poderán emitir alegacións.

 

Con esta medida os locais hostaleiros e comerciantes estarán exentos das taxas relativas a colocación de terrazas e poderán incrementar a súa superficie con respecto á superficie do local, sempre tendo en conta os informes técnicos do departamento de urbanismo.

A actual ordenanza municipal de terrazas, derrogada no pleno de onte, indica que a ocupación da vía pública non pode danar os dereitos de terceiras persoas e, en todo caso, cando se trate de ocupacións vinculadas a un establecemento, non poden superar o 50% do total da superficie interior do devandito establecemento. Ademais do establecido no apartado anterior, cando a ocupación se produza nas beirarrúas e paseos debe quedar un espazo libre mínimo de 100 centímetros para permitir o paso dos peóns. Coa derrogación, a limitación do 50% de ocupación con respecto á superficie interior do establecemento, tamén será eliminada.

 

Toda a información detallada pode consultarse no departamento de urbanismo e será aplicada dun xeito temporal mentres dure a restrición do 50% de ocupación das súas terrazas. Enlace